Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter

Dinastía Han

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Dinastía Han
漢朝

206 a.C.220 d.C.
 

 

A dinastía Han no ano 2 a.C..
Capital Chang'an
(206 a.C.9) (190195)
Luoyang
(25190) (196)
Xuchang
(196220)
Lingua Chinés antigo
Relixión Taoísmo
Confucianismo
Relixión tradicional chinesa
Goberno Monarquía absoluta
Emperador (皇帝)
 • 202 a.C.195 a.C. Liu Bang
 • 2557 Liu Xiu
Historia
 • Batalla de Gaixia 206 a.C.
Superficie
 • 50 6.000.000 km²
Poboación
 • 2 a.C. est. 57.671.400 

A dinastía Han (chinés tradicional: 漢朝, chinés simplificado: 汉朝) gobernou China dende o 206 a. C. ata o 220 d.C. marcando un período de prosperidade económica e cultural e unha expansión territorial na Historia da China. Foi precedida pola dinastía Qin (221–206 a.C.) e seguíuna o período dos Tres Reinos (220-280 d.C.)

Durante a dinastía Han, os seus reis adoptaron os ensinos dos grandes filósofos da antigüidade, Lao Zi e Confucio. O goberno desenvolveuse ben logrando expansión territorial. Fomentouse a educación e a escritura co recentemente inventado papel de arroz. Propiciouse un grande intercambio de mercadorías pola ruta da seda, que vai do océano Pacífico ata Persia e India. China converteuse oficialmente nun Estado confuciano e prosperou no ámbito interno: a agricultura, os produtos manufacturados e o comercio floreceron, e a poboación chegou aos 50 millóns. Entrementres, o imperio estendeu a súa influencia cultural e política sobre os actuais Vietnam, Asia central, Mongolia e Corea antes de se derrubar baixo unha combinación de presións internas e externas. O primeiro dos dous períodos da dinastía, chamado Dinastía Han Anterior (前漢朝, qián hàn cháo) ou Dinastía Han Occidental (西漢朝, xī hàn cháo) que durou ata o ano 9, tivo a súa capital en Chang'an (actual Xi'an, provincia de Shaanxi). A Dinastía Han Posterior (後漢朝, hòu hàn cháo) ou Dinastía Han Oriental (東漢朝, dōng hàn cháo), que durou do 25 ao 220, tivo a súa capital en Luoyang. A convención de denominalas occidental e oriental úsase hoxe en día para evitar a confusión coa dinastía Han do período das Cinco Dinastías e os Dez Reinos, aínda que a nomenclatura de anterior/posterior se usaba nos textos históricos, incluíndo en Zizhi Tongjian de Sima Guang. A dinastía foi fundada pola familia Liú (劉).

Os logros intelectuais, artísticos e literarios reviviron e floreceron durante a dinastía Han. O período Han produciu o historiador máis famoso da China, Sima Qian (145 a.C. - 87a.C.?), cuxas Memorias históricas provén unha crónica detallada desde os tempos da lendaria dinastía Xia a aqueles do emperador Wu (141a.C. - 87 a. C.). Os avances tecnolóxicos tamén marcaron este período. Un dos grandes inventos chineses, o papel, data da época Han.

Sería correcto afirmar que os imperios contemporáneos dos Han e os romanos eran os maiores que existían nese momento no mundo coñecido. A pesar de que non había unha relación directa entre os dous, ambos eran conscientes da existencia do outro, e existía un vínculo comercial a través dos outros imperios que existían en Asia Central e que actuaban como intermediarios, como Partia. Era un intercambio bastante desigual; China exportaba especias, teas, e, principalmente, seda. O imperio romano unicamente podía ofrecer ouro e prata en troco, pois non posuían outras manufacturas de interese para os chineses. Un dos poucos contactos directos rexistrados entre ambos os imperios aparecen no Hou Hanshu onde se conta que un convoi romano representando a Antonino Pío alcanzou a capital Luoyang e foi recibido polo emperador Huan.

A dinastía Han, que deu nome ao principal grupo étnico da China, "Os Han", foi notable tamén polo seu poderío militar. O imperio expandiuse cara ao oeste ata chegar á depresión de Tarim (na actual Rexión Autónoma Uigur de Xinjiang. Os exércitos chineses tamén invadiron e se anexionaron partes do norte da Vietnam e Corea no final do século II a. C. Pero o control por parte dos Hans das rexións periféricas era xeralmente escaso. Para asegurar a paz cos poderes locais fóra da China, a Corte Han desenvolveu un "sistema tributario" mutuamente benéfico. Aos estados non chineses permitíase autonomía a cambio da aceptación simbólica da dominación Han. Os lazos tributarios confirmáronse e reforzáronse a través de ligazóns matrimoniais entre clases altas e intercambios periódicos de agasallos e bens.

Historia[editar | editar a fonte]

Cambio dinástico: dos Qin aos Han[editar | editar a fonte]

A primeira dinastía imperial da China foi a dinastía Qin (221-206 a.C.), que instaurou as bases da futura China. Os Qin, mediante a conquista militar, unificarón o territorio tras o período dos Reinos Combatentes, pero o seu imperio volveuse inestable despois da morte do seu primeiro emperador, Qin Shi Huang. Xurdiron en todo o país unha serie de revoltas que envolveron campesiños, prisioneiros, soldados e descendentes dos nobres dos nomeados Reinos Combatentes. Chen Sheng e Wu Guang, membros dun grupo de 900 soldados asignados á loita contra os xiongnu,[1] foron os líderes da primeira revolta.

As continuas revoltas e enfrontamentos levaron á caída definitiva da dinastía Qin no 206 a.C., co ascenso ao poder de Xiang Yu, un destacado comandante militar sen coñecemento político, que dividiu China en 18 estados feudais. Como resultado desta división comezou un novo período de catro anos de revoltas e enfrontamentos,[2] e cada un dos dezaoito estados tomou unha posición entre o bando de Xiang Yu e o de Liu Bang.[3] Finalment o ano 202 a.C. as tropas partidarias de Liu Bang derrotan as de Xiang Yu na batalla de Gaixian (actualment Anhui). Como resultado da derrota Xiang Yu suicidase e Liu Bang proclamouse a si mesmo emperador (huangdi) por pedimento dos seus seguidores, e postumamente sería coñecido como emperador Gaozu (r. 202–195 a.C.).[4] Chang'an (actual Xi'an) vai ser elixida como a nova capital de imperio reunificado.[5]

O dominio da dinastía Han divídese en dous grandes períodos e contempla tres etapas: O período da dinastía Han Anterior' (前漢朝, qián hàn cháo) ou dinastía Han Occidental (西漢朝, xī hàn cháo) que durou ata o ano 9, e tivo o seu capital en Chang'an (a actual Xi'an, na provincia de Shaanxi).[5]

  • A subida ao poder da dinastía Xin (9-23 d.C.). O dominio Han foi interrompido brevemente polo acceso ao poder de Wang Mang.
  • O período da dinastía Han Posterior (後漢朝, hòu hàn cháo) ou dinastía Han Oriental (東漢朝, dōng hàn cháo), que durará desde o ano 25 ata o 220; a capital foi Luoyang.

Emprégase a convención de denominar estes períodos como occidental e oriental para evitar a confusión coa dinastía Han do Período das Cinco Dinastías e os Dez Reinos. A nomenclatura de anterior e posterior é empregada en textos históricos como no Zizhi Tongjian de Sima Guang.

Dinastía Han Occidental[editar | editar a fonte]

O fundador foi Liu Bang, un xeneral que se fixo co poder tras a inestabilidade posterior ao falecemento do emperador Qin Shihuang. Liu Bang era ademais un importante terratenente que implantou unha nova forma de feudalismo. Rodeuse de sabios conselleiros e gañou prestixio intelectual por salvar da queima unha colección importante de libros antigos.

Sucedeulle o seu fillo Wendi, que gobernou dende o 179 a. C. ao 157 a. C.. Suavizou a severidade das leis e propiciou o ascenso do confucianismo. Viviu con sinxeleza afastado do luxo imperial tradicional.

No ano 140 a. C. accedía ao poder o emperador Wudi. Marcou unha época de apoxeo caracterizada pola refinada crueldade, o esmagamento da aristocracia local, a expansión territorial en dura pugna cos xiongnu e unha hábil política de fornecemento de cereais e control dos prezos que evitaron as fames. Auspiciada polo letrado Dong Zhongshu, creouse unha universidade imperial.

Trala súa morte seguiu un proceso de axitación política ata o toma do poder por Xuandi no ano 48.

No ano 9 agroma unha paréntese coa chegada da dinastía Xin, pero a fame e as revoltas campesiñas dos cellas rubias acabou con ela. No ano 23 había xa un novo emperador Han chamado Guang Wudi que comezaba a época dos Han orientais.

Apoxeo cultural[editar | editar a fonte]

A corte foi centro de actividade intelectual, literaria, musical e artística. Desenvolveuse a poesía fu. Salientan os templos funerarios e os obxectos de terracota ou bronce, os parques e xardíns exóticos, as figuriñas que substituían aos sacrificios humanos. O defunto de sangue real era cuberto con placas de xade, que chegou a unha elaboración exquisita como pedra do ceo.

Ademais da creación dunha universidade propiciada polo letrado Dong Zongshu, salientou o historiador Sima Qian autor das Shiji ou Memorias históricas. Continuou o seu labor Ban Gu, quen escribiu o Han Shu que narra a historia da dinastía Han occidental.

O confucianismo impregnou a mentalidade chinesa e foi utilizado para fundamentar o poder dos emperadores.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os xiongnu foron unha confederación de pobos nómades das estepas orientais, xeralmente diseminados ao longo do territorio da actual Mongolia
  2. Ebrey (1999), 60–61.
  3. Loewe (1986), 116–122.
  4. Davis (2001), 44–46.
  5. 5,0 5,1 Loewe (1986), 122.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]