Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter

Auga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
H2O, molécula de auga.
Diagrama da molécula de auga coas dimensións.

A auga é unha substancia cuxas moléculas están formadas por dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno, xa que logo a súa fórmula é H2O. É abundante no Universo, inclusive na Terra, onde cobre gran parte da súa superficie e é o maior constituínte dos fluídos dos seres vivos. As temperaturas do planeta permiten a ocorrencia da auga nos seus tres estados físicos principais, pasando dun estado a outro nun ciclo continuo. A auga líquida, que en pequenas cantidades é incolora, mais en grandes volumes manifesta unha coloración azulada, pode atoparse como auga doce (en ríos, lagos, e montañas), ou como auga salgada nos mares e océanos que cobren case tres cuartos da superfície do planeta. No estado sólido, as masas de xeo concéntranse principalmente nas rexións polares e, no estado gasoso, o vapor de auga forma parte da atmosfera terrestre. A 0 °C (273 aproximadamente na escala Kelvin) atópase en estado sólido como xeo, e ferve a aproximadamente a 100 °C. O punto de xeación espontánea atópase preto dos 233 K.

A auga posúe unha serie de características peculiares, coma a dilatación anómala, a alta calor específica e a capacidade de disolver un gran número de substancias. De feito estas peculiaridades favoreceron o xurdimento nos océanos primitivos da vida e a súa evolución. Tódolos seres vivos existentes precisan dela para a súa supervivencia, constituíndo a base de todo organismo pluricelular. A maior parte dos animais e vexetais conteñen unha alta porcentaxe de auga, e son poucas as especies que poden sobrevivir nos lugares onde esta é escasa (desertos e outras zonas áridas).

Na natureza nunca se atopa en estado puro, senón mesturada con minerais e outras moitas substancias. Aínda que os océanos cobren a maior parte da superfície terrestre, a súa auga é inadecuada para o consumo humano por culpa da súa salinidade. Só unha pequena fracción dispoñíbel sobre a superfície dos continentes que contén poucos sales disolvidos, a auga doce, é apta para o consumo directo. Con todo, a súa distribución non é uniforme, o que fai que diversas rexións sufran de escaseza hídrica. As actividades humanas, principalmente a agricultura, necesitan grandes cantidades de auga que, ao seren retiradas do seu leito natural superficial ou dos acuíferos subterráneos, ten afectado negativamente na súa distribución sobre os continentes.

A polución hídrica prexudica a calidade da auga e, xa que logo, a biodiversidade, o abastecemento de auga e a produción de alimentos. Ademais, unha parte considerábel da poboación mundial aínda non ten acceso á auga potábel, o que trae diversos problemas de saúde. A auga é indispensábel no modo de vida da humanidade, de forma que está fortemente ligada á cultura de tódolos pobos da Terra. Diante dos problemas derivados do mal uso dos recursos hídricos, xorde unha nova consciencia de que é necesario utilizar a auga racionalmente.

A auga ten un importante papel en múltiples ámbitos: en bioloxía debido á xa mencionada importancia para a vida, en química pola súa composición e por ser unha molécula bipolar e de pH neutro, en xeoloxía polo seu importante papel na erosión das rochas etc.

Funcións biolóxica da auga[editar | editar a fonte]

A auga, compoñente maioritario da materia viva, constitúe por termo medio o 75% do seu peso, aínda que a proporción varía segundo as distintas especies, a idade do individuo e o tipo de tecido: canto máis novo é o organismo, e canto máis complexas son as funcións dun tecido, maior é o seu contido en auga.

As principais funcións biolóxicas da auga son:

  • Participa no mantemento da forma e estrutura celular e dos organismos, sobre todo nas plantas.
  • É un excelente disolvente, especialmente das substancias iónicas e dos compostos polares. Resulta indispensábel para o intercambio nutritivo entre as células e o seu medio, xa que só as substancias disoltas poden atravesar a membrana plasmática, e actúa coma vehículo de transporte de diferentes produtos dun punto a outro do organismo. Amais, coma a maioría das biomoléculas están disoltas en auga, dese xeito reaccionan entre si; ou sexa, a auga actúa coma medio de reacción, en cuxo seo se producen as reaccións vitais.
  • Intervén como axente químico reactivo na hidratación, hidrólise e oxidación-redución.
  • Permite o movemento no seu seo das partículas disoltas (difusión) e constitúe o principal axente de transporte de moitas substancias nutritivas reguladoras ou de excreción.
  • É un excelente termorregulador. A auga absorbe máis calorías que calquera outro composto para aumentar un grao a súa temperatura. Iso permítelle actuar coma regulador térmico pois, aínda que as reaccións vitais producen calor, a temperatura do ser vivo non aumenta: o alto contido hídrico da materia viva absorbe o exceso de calorías producidas.[1]

Enfermidades causadas por auga contaminada[editar | editar a fonte]

Protozoo Enfermidade Síntomas
Amoeba Disentería ameboide Forte diarrea, dor de cabeza, dor abdominal, calafríos, febre; de non se tratar, abscesos no fígado, perforación intestinal e morte.
Cryptosporidium parvum Criptosporidiose Sensación de mareo, vómitos, diarrea acuosa, falta de apetito.
Giardia lamblia Giardíase Diarrea, fatiga, cambras abdominais, flatulencia.
Toxoplasma gondii Toxoplasmose Gripe, inflamación dos ganglios linfáticas; aborto e infeccións cerebrais.
Bacteria Enfermidade Síntomas
Aeromonas sp. Enterite Diarrea moi líquida, con sangue e moco.
Campylobacter jejuni Campilobacteriose Gripe, diarreas, dor de cabeza e estómago, febre, cambras e náuseas.
Escherichia coli Infeccións do tracto urinario, meninxite neonatal, enfermidades intestinais. Diarrea acuosa, dores de cabeza, febre, uremia, danos hepáticos.
Plesiomonas shigelloides Plesiomonas-infección Náuseas, dores de estómago e diarrea acuosa, dores de cabeza e vómitos.
Salmonella typhi Febre tifoide Febre.
Salmonela sp. Salmonelose Mareos, cambras intestinais, vómitos, diarrea e ás veces febre leve.
Streptococcus sp. Enfermidade (gastro) intestinal Dores de estómago, diarrea e febre, ás veces vómitos.
Vibrio O Tor Cólera (forma leve) Forte diarrea.

Toponimia[editar | editar a fonte]

Gota de auga caendo.

Da importancia da auga na vida biolóxica e sentimental do ser humano, sobre todo nas súas orixes nas que non dispuña dela a pracer coma agora, dan conta a abundancia de topónimos. Estes son algúns exemplos espallados:

Propiedades físicas e químicas[editar | editar a fonte]

Algunhas das propiedades máis salientables son:

  • A auga é líquida en condicións normais de presión e temperatura.
  • A cor da auga varía segundo o seu estado: como líquido, pode parecer incolora en pequenas cantidades, aínda que no espectrógrafo se proba que ten un lixeiro ton azul verdoso. O xeo tamén tende ao azul, e en estado gasoso (vapor de auga) é incolora.
  • A auga bloquea só lixeiramente a radiación solar UV forte, permitindo que as plantas acuáticas absorban a súa enerxía. Xa que o osíxeno ten unha electronegatividade superior á do hidróxeno, a auga é unha molécula polar. O osíxeno ten unha lixeira carga negativa, mentres que os átomos de hidróxeno teñen unha carga lixeiramente positiva do que resulta un forte momento dipolar eléctrico. A interacción entre os diferentes dipolos eléctricos dunha molécula causa unha atracción en rede que explica o elevado índice de tensión superficial da auga.
  • A forza de interacción da tensión superficial da auga é a forza de vander Waals entre moléculas de auga. A aparente elasticidade causada pola tensión superficial explica a formación de ondas capilares. A presión constante, o índice de tensión superficial da auga diminúe ao aumentar a súa temperatura. Tamén ten un alto valor adhesivo grazas á súa natureza polar.
  • A capilaridade refírese á tendencia da auga a moverse por un tubo estreito en contra da forza da gravidade. Esta propiedade é aproveitada por todas as plantas vasculares, como as árbores.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Miguel González, Carlos A. (2000). Biología y Geología. Bachillerato Everest. ISBN 84-241-7568-9. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]