Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter

Deus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Creación do Sol e da Terra de Miguel Anxo.
Nome de Iavé en hebreo.

O concepto teolóxico, filosófico e antropolóxico de Deus (do latín: Deus) fai referencia a unha deidade suprema. Deus é o nome que se lle dá en galego a un ser supremo omnipotente, omnipresente, omnisciente e persoal en relixións teístas e deístas (e outros sistemas de crenzas) quen é: ou ben a única deidade, no monoteísmo, ou a deidade principal, nalgunhas formas de politeísmo, coma no henoteísmo.[1]

Deus tamén pode referirse a un ser supremo non persoal coma no panteísmo, e nalgunhas concepcións é unha mera idea ou razoamento sen ningunha realidade subsistente fóra da mente, coma nos sistemas materialistas.

A miúdo, Deus é concibido como o creador sobrenatural e supervisor do universo. Os teólogos adscribiron unha variedade de atributos ás numerosas concepcións diferentes de Deus. Entre estas, as máis comúns son omnisciencia, omnipotencia, omnipresencia, omnibenevolencia (perfecta bondade), simplicidade divina, e existencia eterna e necesaria. Deus tamén foi concibido como de natureza incorpórea, un ser persoal, a fonte de toda obrigación moral, e o «maior ser concibible con existencia».[1] Estes atributos foron descritos en diferentes graos polos primeiros filósofos-teólogos xudeus, cristiáns e musulmáns, incluídos Maimónides[2], Agostiño de Hipona[2] e Al-Ghazali[3], respectivamente. Moitos destacados filósofos medievais e filósofos modernos desenvolveron argumentos a prol da existencia de Deus[3]. De xeito análogo, numerosos filósofos e intelectuais de renome desenvolveron argumentos en contra.

Deuses no politeísmo[editar | editar a fonte]

Nas relixións politeístas é unha divindade de personificación masculina, superior aos homes, que se atribúe unha influencia especial, benéfica ou maléfica, nos destinos do Universo.

Deus no monoteísmo[editar | editar a fonte]

Nun contexto monoteísta, a Deus atribúeselle a omnisciencia, a omnipotencia, a omnipresencia, a bondade perfecta, a divina simplicidade e a existencia necesaria e eterna. Concíbese ademais como acorpóreo, a fonte de toda obriga moral. Estes atributos dánse en diversos graos no Deus xudeu, no cristián e no musulmán.

Moitos filósofos medievais desenvolveron argumentos a prol da existencia de Deus, intentando explicar as contradicións que están implícitas ao se cumpriren todas os atributos listados anteriormente. Por exemplo, afírmase que se Deus é o creador omnipotente, omnisciente e o único xuíz, entón ao crear a humanidade, incluídos ateos e pagáns, sabe cal será o seu comportamento futuro e que terá que envialos ao inferno. Este Deus non pode, xa que logo, ser bo desde o punto de vista de todos os humanos, do mesmo xeito que algúns afirmarán que non todos os humanos son bos desde o punto de vista de Deus. Este, o problema da existencia do mal, é un dos obstáculos expostos polos escépticos para aceptaren ese concepto de Deus. Os crentes adoitan alegar o libre albedrío dos seres humanos para explicaren o mal no mundo, aínda que ese argumento non serve para explicaren o mal na Natureza; e por outra banda, os críticos non consideran compatibles a omnipotencia e a omnisciencia de Deus co libre albedrío, alegando que se Deus é todopoderoso, intervir implicaría obstaculizar a liberdade do ser humano; ou que ao sabelo todo implicaría tamén que non hai nada dentro da liberdade do ser humano que non estea previamente fixado e dito. Respecto diso da omnipotencia, contraponse a característica omnibenevolencia de Deus, que ao podelo todo non necesariamente o fai, senón que deixa ao ser humano actuar de acordo coa característica libre con que o creou nun comezo e non interfire, xa sexa por apatía ou pracer (o que de novo contradiría a benevolencia de Deus), ou por respecto, nado da súa benevolencia, á natureza con que foi creado o home.

Existencia de Deus[editar | editar a fonte]

Porcentaxe de xente en Europa que no ano 2005 afirmaban crer en Deus.

Moitos filósofos e teólogos propuxeron e rexeitaron moitos argumentos a favor e en contra da existencia de Deus. Na terminoloxía filosófica, tales argumentos están asociados a escolas de pensamento sobre a epistemoloxía da ontoloxía de Deus.

Hai moitos temas filosóficos asociados coa existencia de Deus. Algunhas definicións de Deus son tan pouco específicas que é certo que "algo" existe que concorda con tal definición laxa. Outras definicións son aparentemente auto-contraditorias. Os argumentos en favor da súa existencia inclúen normalmente elementos metafísicos, empíricos, indutivos e subxectivos. Os argumentos en contra inclúen normalmente elementos empíricos, dedutivos e indutivos. As conclusións poden posicionarse de formas variadas:

  • "Deus existe e pode probarse" (teísmo).
  • "Deus existe pero non se pode demostrar nin a súa existencia nin o contrario" (teísmo).
  • "Deus non existe" (ateísmo puro).
  • "Moi seguramente Deus non existe" (ateísmo de facto).
  • "Ninguén sabe se Deus existe" (agnosticismo).

Existen numerosas variantes de tales posicións.

Agnosticismo[editar | editar a fonte]

O agnosticismo (do grego a: 'non' e gnose: coñecemento) é unha postura relixiosa ou filosófica sobre a relixión consonte á cal a existencia ou non dun deus ou unha mitoloxía de deidades, é descoñecida. Nalgunhas versións (agnosticismo débil) esta falta de certeza ou coñecementos é unha postura persoal relacionada co escepticismo. Noutras versións (agnosticismo forte) afírmase que o coñecemento sobre a existencia ou non de seres superiores non só non é coñecida senón que non é cognoscible. Finalmente hai versións (apateísmo) nas cales se afirma que a existencia ou non de seres superiores non só non é coñecida senón que é irrelevante ou superflua.

En xeral os agnósticos consideran que as relixións, aínda que non son unha parte esencial da condición humana, si o son da cultura e da historia humana. As persoas que profesan agnosticismo non son necesariamente antirrelixiosas, sendo respectuosas con todas as crenzas que proceden dunha reflexión individual e honesta.

Deísmo[editar | editar a fonte]

O deísmo é a postura que se basea na crenza filosófica nun deus, ser supremo, ou principio establecida pola razón e a evidencia, sen aceptar a información adicional supostamente revelada, tanto a contida en determinados libros, como a Biblia ou o Corán, como a recibida a través de determinadas persoas. O deísta adoita crer nun ser creador ou que estableceu o universo e os seus procesos, pero que non se comunica co ser humano e ao que non se poden elevar pregarias.

Ateísmo[editar | editar a fonte]

O termo ateísmo pódese referir a dúas actitudes distintas: a indiferenza pola existencia das divindades ou os seus preceptos, e a non crenza na posibilidade ou na realidade da súa existencia.

O ateísmo non se usa para designar a quen non cre nun deus particular pero si nalgunha forza sobrenatural ou principio xerador.

O ateísmo escéptico (en contraposición ao ateísmo crente) é unha variedade de ateísmo na que se afirma que a existencia dun ou máis deuses é dubidosa, improbable ou insuficientemente demostrada. Esa vertente corresponde á ausencia de crenza na existencia de divindades e pode ser mellor comprendida cando se compara co ateísmo forte. Tamén se coñece como ateísmo débil (en contraposición ao forte) ou ateísmo negativo (en contraposición ao ateísmo positivo) ou ateísmo implícito (en contraposición ao explícito). Chámase ateísmo escéptico no sentido de que sen probas non se pode dar creto nin sequera ao ateísmo forte. Algúns sosteñen que o non crer nun Deus implica a aceptación deste, situando o ateísmo como unha postura de rexeitamento á crenza dun Deus máis que a unha convicción en si mesma.

Outras crenzas[editar | editar a fonte]

Hai varios sistemas relixiosos nos cales non se menciona nin se estuda a existencia de Deus (budismo, Advaita, discordianismo).

O panteísmo sostén que o universo enteiro é Deus mesmo. Identificáronse elementos de panteísmo nalgúns cultos primitivos de adoración á natureza.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Swinburne, R. G.: «God», en Honderich, Ted (ed.): The Oxford Companion to Philosophy. Oxford (Reino Unido): Oxford University Press, 1995.
  2. 2,0 2,1 Edwards, Paul (1995): «God and the philosophers», en Honderich, Ted (ed.): The Oxford Companion to Philosophy. Oxford (Reino Unido): Oxford University Press, 1995.
  3. 3,0 3,1 Platinga, Alvin. "God, Arguments for the Existence of," Routledge Encyclopedia of Philosophy, Routledge, 2000.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]