Teide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 28°16′15″N 16°38′21″O / 28.27083, -16.63917

Roque Cinchado co Teide no fondo

O Teide é un volcán situado na illa de Tenerife (Illas Canarias). Cunha altura de 3.718 m sobre o nivel do mar e uns 7.000 m sobre o fondo oceánico, é o cume máis alto de España, así como de calquera das illas atlánticas, sendo o terceiro volcán da Terra en altura, medindo dende a súa base, despois do Mauna Loa e o Mauna Kea, ambos na illa de Hawaii. O Teide é un estrato-volcán do tipo estromboliano.

Para os guanches este volcán recibía o nome de Echeyde (que tras unha castelanización do nome derivou no nome actual), que significaba inferno. Segundo as súas crenzas, nel vivía Guayota,o demo do mal.

En 1954 o Teide e todo o circo do seu arredor foi englobado no Parque Nacional das Cañadas del Teide. Actualmente utilízase o nome de Parque Nacional do Teide e, como celebración do 50 aniversario da súa transformación en Parque Nacional, estanse recollendo sinaturas para que a Unesco o declare Patrimonio da Humanidade. En 2007 foi nomeado Patrimonio da Humanidade.

No mesmo Teide está situado o Refuxio de Montaña de Altavista e un teleférico que ascende desde a súa aba a uns 2.350 m até A Rambleta, a uns 3.555 m, en moi poucos minutos. O ascenso até o cume está prohibido, mais pódese obter un permiso especial nas oficinas do Parque Nacional en Santa Cruz de Tenerife.

Os romanos denominaban a illa co nome de Nivaria, pola neve do volcán. O nome actual da illa tamén garda relación co volcán, xa que llo puxeron os benehaoritas (os guanches da Palma). O nome formouse a partir de "Tene-" (montaña) e "-ife" (branca), engadíndose un -r para unir ambas as palabras, quedando Tenerife.

No caderno de bitácora de Cristovo Colón aparece unha referencia ao Teide en erupción. En 2004, unha serie de pequenos tremores no norte da illa provocou un grande interese de xeólogos e vulcanólogos.

Localización[editar | editar a fonte]

Está situado dentro do Parque Nacional do Teide no centro xeográfico da illa de Tenerife e conforma un elemento moi emblemático, destacando as súas características xeomorfológicas específicas que definen a súa paisaxe convérteno no símbolo natural máis emblemático da illa de Tenerife e do arquipélago canario.

Cunha extensión 3.606,7 hectáreas áchase dentro de los límites municipais de La Orotava, Santiago del Teide, Guía de Isora, Vilaflor de Chasna, Fasnia e Icod de los Vinos.

Panorama desde Los Roques de García
Teide 3DTeide 3d - version2.gif