Este sábado 30 de abril, pola mañá, coas nosas amigas e compañeiras da Rousmeri (Caroi, Terra de Montes) organizamos unha xornada de saú(da)de mental, coa intención de continuar reflexionando coletivamente sobre unha pandemia moito máis devastadora que a do Covid-19 pero para a que non interesa tanto achegar solucións: o sufrimento psíquico.
Ás 11 h presentaremos a nosa edición en galego do texto «Beyond Amnesty», que podedes descargar de balde aquí (ou se queredes copias físicas contactade con nós, o prezo é libre, sumando gastos de envío en caso de non poder facer a entrega en man).
Escrito a medias entre un florilexio de datos técnicos e estatísticos e un diario persoal da autora (da que só sabemos que é unha moza anarquista que habita no Reino Unido e que foi psiquiatrizada dende nena), Beyond Amnesty (Alén da Amnistía) é un texto duro, pero fundamental, que explora a estreita relación entre o deterioro da saúde mental e a proliferación de conductas autodestrutivas por unha banda e as insoportables condicións e formas de vida que levamos nas cidades dos países occidentais «desenvoltos», cunha perspetiva revolucionaria e insurreccional. Sen ánimo de romantizalo, falaremos do sufrimento psíquico como liña de frente, como derradeira trincheira na guerra que libra a mercadoría contra a vida, todos os días, en todas partes, a todas horas.
Tamén contaremos coas compañeiras de Ardora (s)ediçons anarquistas que presentarán o libro «La Locura Rev-belada» (Miguel Salas Soneira; Asun Pié Balaguer; M. Carmen Morán de Castro). Para rematar, amenizaremos o rato antes do xantar cun concerto de Zurraspa ❤️
A actividade será sen alcohol. Queremos promover un modelo de organización e lecer onde exista lugar para a festa pero o consumo de alcohol (ou doutras drogas) non sexa o motor que guíe as nosas ganas de xuntarnos e compartir raibas e desexos.
Vémonos alí!
PD: Se queres asistir pero non sabes como chegar ata A Rousmeri ou ata Caroi, contáctanos e axudámoste.