22.12.08
Días da fin do imperio
Canto máis lles compramos,
máis nos vendemos.
PD. A imaxe é de Consume Hasta Morir.
18.12.08
Días caseiros...
Domondó (parroquia de Pantín, Valdoviño) fotografado por Fermín Goiriz Díaz o 1 de decembro. Non sei se alá haberá cobertura 3G (dubídoo moito!), pero se consigo unha miga dela, xa vos conto.
16.12.08
Queridos Reis Magos...
Andei estes días detrás da pista do Apalpador, ese ser mitolóxico da montaña luguesa que, polo solsticio, lles apalpa a barriga aos cativos para ver se están ben mantidos e lles deixa castañas. É carboeiro, coma o Olentzero vasco. En Cataluña teñen o Tió, un toriño de madeira que "caga" os agasallos, e pola costa cantábrica tamén existe o costume do Esteru, que é leñador. Faime graza que os Reis Magos, esa figura creada polo cristianismo para cargarse este tipo de tradicións pagás, traen carbón se nos portamos mal. Un xeito nada sutil de dicirnos que, de non comportármonos como se agarda de nós, merecemos un castigo: unha icona da tradición popular, rural, connotada positivamente para os cativos que pasan frío e fame. Que se nos portamos ben, agasallos caros e que saen pola tele, e se nos portamos mal, o agasallo dos pobriños pailáns.
Quero carbón este ano. Porteime fatal.
Carbón para Mike
Contáronme que en Ohio,
a comezos do século,
vivía en Bidwell unha muller,
Mary McCoy, viúva dun gardavía
chamado Mike McCoy, en plena miseria.
Pero cada noite, dende os trens enxordecedores da Wheeling Railroad,
os gardafreos guindaban un anaco de carbón
por riba do valo da leira das patacas
berrando ao pasaren coa voz rouca:
"Para Mike!"
E cada noite, cando o anaco de carbón para Mike
petaba na parede posterior da chabola,
a vella erguíase, poñía,
adurmiñada, a saia, e gardaba o anaco de carbón,
agasallo dos gardafreos a Mike, morto
pero non esquecido.
Erguíase tan cedo, e agochaba
os seus agasallos aos ollos da xente,
para que os gardafreos non tivesen dificultades
coa Wheeling Railroad.
Este poema está dedicado aos compañerios do guardafreos McCoy
(morto por ter os pulmóns febles de máis
nos trens carboeiros de Ohio)
en sinal de solidariedade.Bertolt Brecht
4.12.08
Días de frieiras
Unha cousa está clara: recorrer a internet nestes casos é perigosísimo: 1. porque se es un pouco hipocondríac@, tardas 0.5 segundos en asociar as frieiras con certas variantes de lupus, leucemia e síndrome de Raynaud; 2. porque pode ser peor o remedio que a enfermidade. Hai quen recomenda restregalas cun limón (non o quero nin pensar), ou abrir unha uva e levala apegada cunha tirita todo o día en cada frieira (ghasús, e que calzado poño?). Acórdame miña abuela, insistíndome en que fixese por, cando estivese na ducha ou así, mexar por riba delas, que é man de santo (como cando pican as medusas). E decidín que mellor vou á parafarmacia, que sempre me socorre nestes casos. A semana pasada xa descubrira que o xabrón Lagarto é o mellor cicatrizante do mundo. A ver que fago con isto... Se alguén coñece máis remedios caseiros (e menos escatolóxicos), ben vidos sexan...
3.12.08
Días nas barricadas
a. Unha banda de fascistas queren evitar o que eles chaman "unha homenaxe a dous terroristas". O peor é que dá igual a cor política, todos os grupos coinciden en chamalos terroristas (cando a condena dicía outra cousa) e en escandalizarse. Pero vai haber festa, e non vai ser máis ca iso: festa e reivindicación.
b. Hai cousa dun ano, escribín isto: outra banda de fascistas gozaba da súa liberdade de expresión lanzando consignas propias do franquismo na rúa. Cando a xente que non estaba de acordo se expresou libremente bailando e tocando a pandeireta, a policía cargou sobre eles. Os fascistas aplaudiron. Un ano despois, emprenden unha caza de bruxas, buscan nomes no Google, poñen denuncias, eles que teñen tempo e cartos para gastar nos xulgados, e catro apelidos para teren impunidade. Tentan espallar o medo, reprimir, silenciar, demostrar, por medio do poder, que eles poden e eu, ti, nós, non. O seu é liberdade de expresión, o outro é terrorismo.
Aquí, a definición que A.P. Schmidt fai do termo "terrorismo":
-
"O terrorismo é un método produtor de ansiedade baseado na acción violenta repetida por parte dun individuo ou grupo (semi) clandestino ou por axentes do estado, por motivos idiosincráticos, criminais ou políticos, nos que — a diferenza do asasinato — os brancos directos da violencia non son os brancos principais. As vítimas humanas inmediatas da violencia son xeralmente elixidas ao azar (brancos de oportunidade) dunha poboación branco, e son usadas como xeradoras dunha mensaxe. Os procesos de comunicación baseados na ameaza — e na violencia — entre o terrorista (a organización terrorista), as vítimas postas en perigo e os brancos principais son usados para manipular ás audiencias branco, converténdoas en branco de terror, branco de demandas ou branco de atención, segundo que se busque primariamente a súa intimidación, a súa coerción ou a propaganda".