afontiala.info
O Carreiro

 

Sample Image

  Todos os días atravesa o parque entre a herba máis espesa, subindo paseniño pola maior pendente. Non atrasa nin apura o paso, nin sequera ao chegar a estrada, pois sabe que ao pasar ela ninguén máis pasa. Colle a estrada pola curva pechada e ao chegar aos xardíns do concello, continúa através deles.

   Cada día o Pobo a respeta porque é un carreiro antigo que, coma as fontes, non deixa que o enterren. Ela o sabe dende sempre. Dende antes que fixeran no seu cabo a Santa Sede. Non foi ningunha cousa antes ca el, non existiu nunca máis peregrinaxe que camiñalo.

   Despois os outros déronse de conta. Decatáronse de que o carreiro non levaba a ningures e fixeron a Igrexa máis grande e máis difícil para levarse con ela a todo o que camiñara aquel carreiro.

   Funcionou e fixeron outros carreiros suaves e docis. Construiron para eles a porta máis grande deixando a traseira para aquel carreiro escuro.

   Pero ela é filla de camiñantes, coñece o carreiro dende sempre e non vai pasar ningún día, mentres lle anden os pés, que non vaia por el. 

 

Fai o primeiro comentario!

 
Un Porto tan pequeno...

 

Sample Image

 

Un Porto na Ría. A noitiña. A xente volta do traballo. Algunha. Outra remata o último pico nun porto pequeno dunha ría minúscula.

Un Porto na Ría. Os nenos xogan arredor da area. Os vellos fan malabarismos por non caer nela.

 Un Porto nunha Ría moi pequena na que os barcos saen moi cedo. Os pequenos voltan e os grandes pérdense no Océano.

Un Porto cheo de peixes pequenos.

Unha Ría tan pequena que nin Atenea deu con ela. Un Porto tan pequeno, que non pasa nada, nen sequera o tempo...

...E pola contra, alá van elas, as montañas, a lavar as rochas antes de que algunhome as remexa, antes de que algunhamarea lles bote máis merda...

...pola contra a area fai montes de lagoas doces e deixa crebas, limpas, listas pra recollelas...

...pola contra todo é lúa nunha noite sen deusas...

...pola contra inda se escoita o silenzo... 

Comentarios (1)

 
O mar vai enchido

   Este verán ven sendo un verán frío, chuvioso, ventoso e máis outra vez frío.

   Ocúrreseme que se as vidas son ríos que van dar ao mar, as fontialas non deberían nunca secarse, pois elas enchen os ríos.

  O certo é que este verán muitas fontialas rompiaron piadras, pichi e "acimento", voltando ao seu carreiro, apurando aos ríos, faendo mares!

  Este verán o noso mar vai mui enchido, enchido de familiares e compañeiros. Só espero que a volta sexa boa, que os anos de luita continúen a encher viallas e novas fontialas.

Sample Image

   Unha aperta derradeira e enorme á miña tía Chica, que fai máis de cuarenta anos estudiou Historia, vestiu pantalóns, enchiu a casa de marxismo e adicouse a aprenderlles aos cativos e as cativas do siou camiño.

  Unha aperta enorme a Xavi.

  Unha aperta grande e forte ao Roxo malo .

  Outras máis a todos e todas as que xa chegaron ao mar...

                       ... Xan, Pousa, Carlos, Otero, Ivan, Juan... 

   ....e en especial ao Tito, que inda me alegra os soños!

 

 

Fai o primeiro comentario!

 
Maruxiña

  

    Dis que sempre tapa a cabeza cun pano de flores, por se chove, polo vento, polo sol, polo que dirán se á súa idade vai lucindo cabelo. Non queda fora un só pelo. O pano faille a cabeza máis miúda e reálzalle as lentes redondas, de pasta, escuras. Eu non lle diría vella pero ela si, e ri, e sorrí, e volve a rir. É pequena, espelida, campesiña de toda a vida, dende antes de nacer di ela e ri e volve sorrir. Non me pregunta nada, nin o nome, nin a idade, nin a nai, nin o día. Non comenta o tempo, nin as festas, nin o xeito de falar de aquela xente, nova, chegada de américa. Sorrí.

    Non lle sei o nome, Aurora, Maruxiña, Carme. Pide perdón nas curvas e discúlpase cando a xente que vai subindo lle roza. Carme ou Maruxa discúlpase rindo, sorrindo e volta a rir. Eu río, sorrío e penso que foi feliz, que se fixo feliz.

    Pregúntome tamén a onde irá Maruxa, ou Aurora, coa súa chaquetiña de lá marrón, a súa saia estampada, gris, escura, e o seu pano de flores, grande para a súa cabeza miúda. Por un momento non ri, olla pola ventá agarrada coas dúas mans á varanda. Por uns segundos móstrase intranquila. Decátase que a miro e sorrí e ri e fai un alegre comentario de como son elas, as vellas.

    Ao chegar á primeira parada do pobo báixase e despídese de cada un de nós rindo, sorrindo e inda rindo despois de baixar. Por un intre percibo como queda mirando marchar o autobús ata desaparecer ficando alí, soa, sen medio posible de voltar a súa casa.

    Outro día levouna ao pobo, en coche, unha veciña da súa aldea. Imaxino como se disculparía Maruxiña ou Carme, rindo e sorrindo ata chegar e despedirse unha vez máis, rindo. Xusto ía eu no autobús cando a vin esperando para cruzar no paso de peóns. Alí estaba coa súa chaqueta de lá marrón, a súa saia escura, o seu pano grande de flores e un bolso de palla, colgándolle á altura do cóbado e apretándoo forte contra o seu pequeno corpo de muller que eu non chamaría vella pero ela si, rindo, sorrindo e voltando a rir. Notábaselle nerviosa tratando de cruzar. Ninguén paraba o coche e ela non insistía, mostraba a súa cara de disculpa e medio sorriso. Sentín a súa vergoña por ter que pedir o favor de parar o coche, por ter que molestar a calquera pola súa culpa, por non ter outra saída, nin un pano máis novo e máis lindo. Un coche parou e ela sorprendida pegou un chimpo, un pequeno chimpo case inapreciable, pero pegouno e eu puiden ver durante uns segundos á nena Maruxiña brincando, correndo e rindo polas inmensas leiras e os infinitos carreiros da súa aldea. E a señora Carme, ou Maruxa cruzou pedindo disculpas e apurando todo o que puido o paso sen rir, nin sorrir.

 

 

Sample Image

 

Comentarios (2)