Francesc Ferrer i Guàrdia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Francesc Ferrer i Guàrdia.

Francesc Ferrer i Guàrdia, nado en Alella o 10 de xaneiro de 1859 e falecido en Barcelona o 13 de outubro de 1909, foi un pedagogo catalán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado no seo dunha familia católica, Ferrer reaccionou como anticlerical e ingresou na loxia masónica Verdad de Barcelona. Foi enviado pola súa familia a traballar á capital catalá, onde entrou como aprendiz nun comercio de fariñas no distrito de Sant Martí de Provençals. O seu dono inscribiuno nas clases nocturnas e iniciouno nos ideais republicanos. De formación autodidacta, estudou a fondo a doutrina de Pi i Maragall e as teses internacionalistas.

Política[editar | editar a fonte]

En 1883 entrou a traballar como revisor na liña de ferrocarril Barcelona-Cervere, o que aproveita para exercer de enlace con Ruiz Zorrilla, compañeiro de militancia no Partido Republicano Progresista. Apoiou en 1886 o pronunciamento militar do Xeneral Villacampa, partidario de Ruiz Zorrilla, coa pretensión de proclamar a República. Ó fracasar o golpe tivo que exiliarse en París, acompañado de Teresa Sanmartí, con quen tivo tres fillos. Subsistiu dando clases de castelán e exercendo como secretario sen soldo de Ruiz Zorrilla. Ata os anos 90 continuou sendo republicano, pero a partir de entón comeza unha viraxe cara o anarquismo. Participou en 1892 no Congreso Librepensador de Madrid.

En 1893 sepárase, e en 1899 casa con Leopoldine Bonnard, mestra librepensadora coa que recorre Europa. Nese tempo aproveitou para concibir os conceptos educativos anarquistas que logo aplicaría en España nos seus proxectos. Unha cuantiosa herdanza (un millón de francos) dunha antiga alumna, Ernestina Meunier, fixo posible levar a cabo o seu proxecto en Barcelona, onde inaugura en agosto de 1901 a Escola Moderna, un proxecto practico de pedagoxía libertaria, que lle granxeou a inimizade cos sectores conservadores e coa Igrexa Católica, que vían nestas escolas laicas unha ameaza ós seus intereses. Gran partidario da folga como arma revolucionaria, editou cos seus fondos o periódico La Huelga General, ata que en 1906 Mateo Morral, tradutor e bibliotecario do seu centro educativo, perpetrou o atentado frustrado contra Afonso XIII. Isto tivo como consecuencia para Ferrer o peche da Escola Moderna e varios meses de prisión acusado de complicidade, sendo absolto ó cabo dese tempo. Intentou volver a abrir a Escola Moderna, pero non lle foi posible, e ó ano seguinte trasladouse a Francia e a Bélxica. Alí fundou a Liga Internacional para a Educación Racional da Infancia, da que era presidente honorario Anatole France. En 1908 edita a revista da Liga L'Ecole rénovée en Bruxelas, pero posteriormente a traslada a París, onde retoma a actividade da súa editorial e continúa editando o boletín da Escola Moderna.

Proceso a raíz da Semana Tráxica[editar | editar a fonte]

Lápida de Ferrer i Guàrdia no camposanto de Montjuic.

En 1909 é detido en Barcelona, acusado de ser o instigador da Semana Tráxica. Unha revolta anticlerical, trala que Ferrer, debido ás súas poucas amizades estratéxicas e á súa antiga ligazón a Mateo Morral, foi declarado culpable ante un tribunal militar, e executado o 13 de outubro de 1909 na prisión do Castelo de Montjuic.

A raíz do proceso de execución de Ferrer i Guàrdia, o Times dixo:

Por neglixencia ou estupidez, o goberno confundiu a liberdade de instrución e conciencia, o dereito innato a razoar e expresar o seu pensamento, co dereito de oposición, asimilándoo a unha axitación criminal.

Anatole France, en carta aberta, afirmaba:

O seu crime é o de ser republicano, socialista, librepensador; o seu crime é crear o ensino laica en Barcelona, instruír a millares de cativos na moral independente, o seu crime é fundar escolas

.

William Archer dixo:

Toda a vida activa de Ferrer faría menos dano ó catolicismo español que o que lle fai na actualidade a mera mención do seu nome.

Cultura popular[editar | editar a fonte]

Lápida no Camposanto de Montjuïc en memoria dos anarquistas Durruti, Ascaso e Ferrer.

Durante a Guerra Civil, o Teatro Borras de Barcelona levou o seu nome, xunto ó Aribau Club que, construído polos sindicalistas libertarios, inaugurouse co nome de Durruti, e o desaparecido cine Vergara, que se inaugurou co nome de Ascaso, formando a chamada triloxía dos "mártires" da causa anarquista, como indica a lápida construída no camposanto de Montjuic de Barcelona.

Posteriormente creouse a Fundación Francesc Ferrer i Guàrdia.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • La Escuela Moderna.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Escola Moderna

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]