Familia (socioloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Familia norteamericana composta por home, muller e dous fillos
Familia composta por dous homes
Familia das Sulawesi

Unha familia é unha unidade social formada por un conxunto de individuos vinculados por relacións de matrimonio, parentesco ou afinidade, que conviven e organizan colectivamente a vida cotiá ou parte dela.[1]

Características[editar | editar a fonte]

Segundo defende a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, "a familia é o elemento natural e fundamental da sociedade e ten dereito á protección da sociedade e do Estado". Na maioría dos países a familia goza de personalidade xurídica e crea entre os seus membros obrigas e dereitos de carácter social e material.

Os lazos principais que definen unha familia son de dous tipos: vencellos de afinidade, derivados do establecemento dunha relación sentimental recoñecida socialmente como o matrimonio ou unha unión de feito entre dúas ou máis persoas, e vencellos de consanguinidade, como a filiación entre pais e fillos ou os lazos de que se establecen entre os irmáns que descenden do mesmo pai ou da mesma nai. Tamén pódese diferenciar a familia segundo o grao de parentesco entre os seus membros.

Orixe[editar | editar a fonte]

Segundo expón Claude Lévi-Strauss, a familia ten a súa orixe no matrimonio, consta de marido, muller e fillos nacidos da súa unión e os seus membros mantéñense unidos por lazos legais, económicos e relixiosos. Dentro desta visión, historicamente unha das principais funcións da familia foi regular a procreación[2][3]. Para os meniños a familia adoita ser a referencia primeira na súa socialización e integración cultural[4]. Ademais a orde social establece unha rede de prohibicións e privilexios sexuais ligados á familia e unha cantidade variable e diversificada de lazos psicoafectivos como amor, afecto, respecto, temor etc.

En oposición a este enfoque, Radhika Coomaraswamy defenden que "non se debería definir a familia mediante unha construción formalista, nuclear, a de marido, muller e fillos. A familia é o lugar onde as persoas aprenden a coidar e a seren coidadas, a confiar e a que se confíe nelas, a nutrir a outras persoas e a nutrirse nelas".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dicionario de galego editorial Ir Indo.
  2. Schneider, David (1984). A Critique of the Study of Kinship. Ann Arbor: University of Michigan Press, p. 182
  3. Deleuze-Guattari (1972). Part 2, ch. 3, p. 80
  4. John Russon (2003). Human Experience: Philosophy, Neurosis, and the Elements of Everyday Life, Albany: State University of New York Press, pp. 61-68.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Familia Modificar a ligazón no Wikidata
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Familia