Monterrey

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monterrey
Flag of Monterrey, Nuevo León.png Mty.gif
Collage Monterrey.jpg
Diferentes vistas de edificios e lugares emblemáticos de Monterrey.
Situación xeográfica
Monterrei en México
Monterrei
Monterrei
País Flag of Mexico.svg México
Estado Nuevo León
Rexión Zona Metropolitana
Concello Monterrey
Xeografía
Altitude 530 msnm
Superficie 894 km²
Poboación
Poboación 1 495 189 hab. (2011)
Densidade 10 361 hab/km²
Xentilicio Regiomontano
Información
Código postal
Alcalde Adrián de la Garza (PRI)
Páxina web Páxina oficial de Monterrei

Monterrey é unha importante cidade da República Mexicana, a terceira do país, capital do estado de Nuevo León, no nordeste do país (539 m de altitude), e a uns oitocentos quilómetros ao norte do Distrito Federal. Ten unha poboación de seu de 1.600.894 habitantes (2005).

No século XX converteuse nun importante centro industrial, comercial e cultural ao norte do país.

Historia[editar | editar a fonte]

Caso frecuente nas fundacións coloniais españolas, a historia de Monterrey tivo varios intentos previos falidos. En 1577 houbo un primeiro asentamento xunto aos Ojos de Agua de Sta. Lucía, un manancial ao pé do somonte setentrional da Sierra Madre Oriental mexicana, que polo mesmo recibiu o nome de lugar de Santa Lucía.

Mapa militar esquemático do s.XIX coa situación xeográfica de Monterrey entre os Ollos de Auga ao norte e o río Santa Catarina ao sur, o Cerro das Mitras ao oeste e o da Silla ao sueste.

Cinco anos máis tarde, en 1582 e no mesmo emprazamento, tivo lugar unha segunda fundación co nome de Villa de San Luis Rey de Francia. Ambas remataron despoboadas en pouco tempo polos constantes e violentos enfrontamentos cos indíxenas.

Non foi ata 1596 que Diego de Montemayor fundou, cunha ducia de familias e coma capital do Novo Reino de León, a Ciudad Metropolitana de Nuestra Señora de Monterrey rentes tamén dos varios ollos de auga que conformaban un arroio (o arroio de Sta. Lucía). Precisamente un asolagamento que destruíu o asentamento en 1611 obrigou ó seu traslado a un lugar máis alto, cara ao sur e preto do curso do río de Santa Catarina (así e todo houbo novas e frecuentes inundacións na historia da vila). Arredor da Praza Principal ou Maior (Praza Zaragoza) onde se erixiu a primitiva igrexa, despois catedral, xurdiu definitivamente o centro da vila ata hoxe [1][2].

Séculos XVII e XVIII[editar | editar a fonte]

A súa posición excéntrica de fronteira e a ausencia de minerais, asemade a constante sangría poboacional que supuña a colonización do inmenso nordés (vg. 3.000h en 1746 e só 600h en 1754), fixeron que Monterrey ficara unha pequena vila ata fins do século XVIII, cando co gallo do establecemento do bispado (1779) comezou un desenvolvemento estable (7.000h en 1802) e foron erixidas as primeiras edificacións de releve: a catedral, o pazo do bispado ao oeste no outeiro epónimo (Loma Chepe Vera) [3][4]), algúns conventos (franciscano de San Andrés ao suroeste da Praza dende 1626, San Francisco Xavier dos xesuítas en 1702) e a casa do gobernador. O que foran currais nunha cuadra pegada polo oeste á Praza Zaragoza rematou converténdose na Praza do Mercado (hoxe Hidalgo).

O proxecto da Ciudad Nueva[editar | editar a fonte]

Foi o primeiro bispo residente, Andrés A. de Llanos, quen chamou ao arquitecto Juan Crouset en 1794 para deseñar o proxecto da primeira ampliación da vila (asemade ó dunha nova catedral). Tratábase de feito do plan para unha nova cidade, trasladada aos terreos máis a salvo de inundacións do norte do arroio de Sta. Lucía. Ordenado en rigorosa retícula con prazas centrais (coa nova gran catedral coma foco) e angulares contiña os edificios representativos que correspondían a unha capital da época [5][6].

Interrompido polo novo gobernador militar non foron realizados mais que algúns edificios (Hospital de Pobres), pero sería retomado décadas despois e nas futuras expansións da urbe [7][8].

Os Repuebles[editar | editar a fonte]

Despois da independencia (1811), Monterrey foi nomeada capital do estado federado de Nuevo León (1824). Tras un primeiro intento de elaborar o ensanche da cidade seguindo o plan de Crouset (W. Still, 1842 [9]), en 1864 Isidoro Epstein leva a cabo a proposta de repueble[10], estendendo mesmo a idea orixinaria pero perdendo a súa singularidade nunha malla anódina. Unicamente a Alameda sinálase coma elemento configurador e no lugar no que se iniciou a nova catedral (finalmente erixida no canto da primitiva igrexa parroquial) unha cidadela defensiva [11] que tivera protagonismo no asedio norteamericano (batalla de Monterrey, 1846) da guerra entre México e os Estados Unidos. Ademais por primeira vez sobrepásase o leito do río Santa Catarina cara ó sur cunha reprodución da retícula (repueble sur).

Industrialización e modernización[editar | editar a fonte]

Plano de Monterrey cos repuebles (ensanches) norte e sur e a área ferroviaria e industrial ao norte (1919).

Precisamente a primeira ponte sobor do río vai ser un dos legados do gran impulsor da cidade moderna, o gobernador Bernardo Reyes (1885-1909). Unindo ambos repuebles, dende a beira norte da ponte arranca a Avenida Juárez, a vía que facía de límite da vila primitiva e que na súa continuación servía de eixo central do ensanche de Crouset-Epstein. Reyes vai crear dúas novas arterias fundamentais de Monterrey: Unión (un bulevar E-O polo borde superior do Repueble, hoxe Calzada Madero) e Progreso (N-S, hoxe Pino Suárez). Esta segunda unía as novas estacións ferroviarias (liñas entre 1881-91) no límite norte do ensanche co centro histórico pasando xunto a Alameda (a Cidadela demoleuse). Centro que enriquécese cunha ampliación do Pazo Municipal e un Pazo de Goberno de Nuevo León. O arroio de Sta. Lucía sotérrase na meirande parte do curso.

Impulso tamén de Reyes será a industrialización da cidade xusto nese mesmo norte do Repueble, pero que vai rematar en área desorganizada de vías e fábricas (ademais de cuarteis) no nome do progreso. A capitalización xurdida dunha cada vez máis forte unión da cidade á economía texana permitiron ese despegue.

Século XX[editar | editar a fonte]

Trala maior inundación da historia da cidade (río Sta. Catarina, 1909, con plan de canalización en 1941), preámbulo da época da Revolución Mexicana (1911), un novo período de forte industrialización comezou nos anos trinta [12], desta vez cunha gran inmigración do rural de Nuevo León e os estados veciños (de 241.000h en 1943 a 389.000h en 1950 e 723.000h en 1960). Gran parte desta man de obra asentouse no oriente, ao pé do Cerro da Silla, onde dende os tempos da colonia tíñanse creado os asentamentos dos indíxenas (sinaladamente Guadalupe), e que tamén foi unha área de ocupación industrial [13].

A cidade desbordou definitivamente os repuebles acadando progresivamente unha configuración metropolitana, de tipo cidade xardín europea aos comezos nas ladeiras de Chepe Vera ou as Mitras, e máis de tipo sprawl suburbano estadounidense na segunda metade do século.

Dúas actuacións contemporáneas (1984-88 [14]) de importancia son: a polémica Macroplaza, reunión nun alongado ámbito dos edificios cívicos representativos da urbe (pazos de goberno, catedral na antiga Praza Zaragoza, teatro e novos museos) a costa da desaparición da súa trama histórica inicial; e o Parque Fundidora, exemplo de rehabilitación dun antigo espazo industrial.

Por último, tamén salientable é a recuperación do xermolo da cidade, o curso do Arroio de Sta. Lucía, cunha canle conmemorativa e paseo (2007) unindo precisamente a Macroplaza e o Parque Fundidora.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Primeiro mapa de Monterrey (1764): entre o arroio de Sta. Lucía ao norte e o río Sta. Catarina ó sur, a pequena poboación arredor da Praza Principal (Zaragoza)
  2. Idem en Flickr
  3. Mapa de Monterrey en 1791: o Pazo Bispal no extremo da dereita (o norte embaixo) [1]
  4. Idem en detalle; Archivo General de la Nación
  5. Plano do proxecto da Ciudad Nueva de Monterrey, Juan Crouset 1794
  6. Plan detallado de Crouset; Archivo General de la Nación
  7. Mapa de Monterrey de 1798 co pouco realizado da Cidade Nova ao norte antes da súa interrupción [2]
  8. Idem en detalle; Archivo General de la Nación
  9. Mapa da cidade, 1854: o pouco avanzado do Plan de Crouset e as defensas de Monterrey na guerra contra os EEUU (a Cidadela no norte) [3]
  10. Plano de ensanche ("repueble" norte) de I. Epstein (1864)
  11. Recreación da Cidadela en 1846 co construído da prevista nova catedral reutilizado [4]
  12. Mapa de Monterrey no comezo da metropolización, 1930
  13. Foto satelital do centro da metrópole de Monterrey cos "eventos" urbanos fundamentais: (5)centro histórico-Macroplaza, (6)Alameda, (7)Cerro del Obispado ou Loma Chepe Vera, (8)Av.Pino Suárez, (9)Av.Francisco Madero, (10)Ciudad Guadalupe, (14)Parque Fundidora; http://www.metropolisregia.com/ [5]
  14. Información sobor das novas intervencións urbanas no centro de Monterrey [6]