Reloxo de sol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Reloxo solar")

Un reloxo de sol é un dispositivo que permite medir o paso do tempo a partir do movemento aparente do Sol. Expresa a posición diúrna do Sol a través da sombra guindada por un gnomon ou estilo sobre unha superficie escalada.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo reloxo provén do latín horologium, relogium (de onde reloxo en galego), que provén a súa vez dos nomes do deus solar exipcio Horus (o sol dende o amencer ao mediodía) e Ra (o sol dende o mediodía ao solpor), significa a lóxica ou razón do sol, polo que as divisións da escala da sombra son por necesidade as horas (medíase a viaxe da barca solar de día e de noite). Os exipcios déronlle nomes de deusas ás 24 horas. Dende a conquista por Alexandre o Grande, prodúcese unha mestura entre a cultura exipcia e a grecorromana na materia.

O feito era que ao mediodía solar -o sol tópase na vertical do lugar- tense que cambiar a orientación da escala horaria solar nos reloxos horizontais primitivos de sombra, nos obeliscos a sombra pasa do lado oeste ao leste. Por iso falar de reloxo de sol pódese considerar redundante pois de certo o reloxo de sol é o reloxo por excelencia.

Os reloxos de sombra horizontais exipcios (nos que se mide a lonxitude da sombra para calcular a hora) máis coñecidos son os que se atopan descritos no cenotafio de Seti I (viviu do 1294 ao 1279 a. C.), en Abidos, e no Papiro de Tanis [1]. Tamén se conservan varios exemplares físicos no Museo exipcio de Berlín, dos cales o mais coñecido é o que ten o número de inventario 19744, trátase dun reloxo de sombra datado na época de Tutmosis III (1501-1447 a.C.)[2] polo exiptólogo Ludwig Borchardt, no ano 1910.

O chamado Horologium Augusti foi o maior reloxo de sol do mundo antigo. Situado en Roma, foi mandado construír por Augusto no ano 10 a.C. O arquitecto encargado do deseño e da obra foi Facundus Novius.

Características[editar | editar a fonte]

Proxección do reloxo de sol vertical.

Segundo a disposición do gnomon e da forma da escala pódense medir diferentes tipos de tempo, dos cales o máis habitual é o tempo solar aparente. A disciplina que se encarga de elaborar teorías e reunir coñecemento sobre os reloxos de sol denomínase gnomónica.

Na súa configuración clásica xa era coñecido na astronomía exipcia e na mesopotámica. É un reloxo parcial, pois só funciona con luz solar e polo tanto era necesario complementar o seu uso con outros reloxos, en particular, con reloxos estelares (planisferios e astrolabios), e de auga (clépsidras).

O cómputo do tempo mediante reloxos, hoxe tan aparentemente afastado da astronomía, era e segue a ser un instrumento básico da mesma. De feito, os reloxos son simuladores da rotación terrestre, isto é que dividen unha rotación (que comunmente chamamos día) en vinte e catro horas; o concepto de tempo ten evolucionado dende esta apreciación primaria ata os modernos reloxos atómicos, mais o que se fai decote é reaxustar o computo do ano mantendo a convención das vinte e catro horas. Na actualidade son computadores do espazo-tempo.

Facer un reloxo de sol[editar | editar a fonte]

Existen numerosos programas de ordenador para o deseño de reloxos de sol, tanto de pagamento como gratuítos que permiten a elaboración de reloxos de sol de cuadrante polar na súa versión gratuíta e outros modelos de reloxos de sol e astrolabios na súa versión comercial.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Reloxo na igrexa de Aguasantas.  
Moderno reloxo de sol en Liexa, Bélxica.  
Reloxo en S. Mateo de Oliveira.  
Reloxo de sol para calcular os cuartos de hora. Claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova  

Notas[editar | editar a fonte]

  1. José Lull. "La astronomía en el antiguo Egipto", PUV, Universitat de Valencia, 2004, páx. 145 a 157.
  2. http://members.aon.at/sundials/berlin-egypte.htm

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Reloxo de sol

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]