Abella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Abella
Rango fósil: Cretácico – Actualidade,
Osmia ribifloris
Osmia ribifloris
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Hymenoptera
Suborde: Apocrita
Superfamilia: Apoidea
Familias

Andrenidae
Apidae
Colletidae
Dasypodaidae
Halictidae
Megachilidae
Meganomiidae
Melittidae
Stenotritidae

Sinonimia

Apiformes

As abellas son insectos himenópteros da familia dos ápidos, voadores, sociais, emparentados coas avespas e as formigas. As abellas xogan un papel importante no proceso de polinización, e son produtoras do mel e cera. As abellas son unha liñaxe monofilética dentro da superfamilia Apoidea, e actualmente están clasificadas baixo o nome taxonómico Anthophila. Existen preto de 20.000 especies coñecidas clasificadas en diferentes familias,[1] aínda que moitas especies están aínda sen describir e o seu número é probablemente maior. Poden ser atopas en tódolos continentes, agás na Antártica, é dicir en calquera hábitat do planeta que teña plantas con flor que poidan ser polinizadas por insectos.

As abellas están adaptadas para alimentárense do néctar e do pole, o primeiro como principal fonte de enerxía e o segundo para obter proteínas e outros nutrientes. O pole tamén é usado como comida para as larvas.

Teñen unha longa probóscide (unha sorte de "lingua") que lles permite obter o néctar das flores. Tamén teñen antenas compostas de 13 segmentos nos machos e 12 nas femias, así como dous pares de ás, sendo o par posterior o máis pequeno dos dous. Nunhas poucas especies, un dos sexos ou castes ten as ás relativamente máis curtas que lle fan que voar sexa dificultoso ou imposible, pero todas as especies as teñen.

A especie coñecida máis pequena é a Trigona minima, unha abella sen aguillón cuxas obreiras miden 2.1 mm de longo. A meirande é a Megachile pluto, cuxas femias poden acadar unha lonxitude de 39 mm. Os membros da familia Halictidae son as abellas máis comúns do Hemisferio norte, aínda que son pequenas e moitas veces son confundidas con avésporas ou moscas.

A especie máis coñecida é abella do mel, que como suxire o seu nome, produce mel, ó igual que outros tipos de abellas. A xestión humana desta especie é coñecida como apicultura.

Diferenzas morfolóxicas[editar | editar a fonte]

Abella común (Apis mellifera).

As abellas, como moitos outros insectos sociais, presentan diferenzas morfolóxicas, o que dá lugar a distintas castes: machos, femias fértiles e obreiras. Na abella común, doméstica ou melífica, Apis mellifera, domesticada polo home, estas castes están representadas polos machos ou abáboros, dos que hai varios en cada colmea, a abella raíña ou abella mestra, da que só hai unha en cada colmea, e que son unicamente encargados da reprodución, e as obreiras, que son a inmensa maioría, e que teñen como misión a recolección do néctar, a elaboración da cera e do mel, a alimentación das larvas, dos machos e da raíña (a esta, mentres está na fase larvaria, coa chamada xelea real, que converterá a esta larva en nova raíña), a construción dos favos, a limpeza da colmea etc. Os individuos reprodutores, abáboros e raíña, teñen un tamaño aproximado de 2 cm, mentres que as obreiras só chegan a 1,5 cm.

Características[editar | editar a fonte]

As abellas obreiras teñen unha lingua longa que empregan para obter o néctar das flores. As antenas das abellas están formadas por trinta segmentos nos machos e doce nas femias. Teñen dous pares de ás, o último é o máis pequeno dos dous. As patas das obreiras están adaptadas para coller o pole e o apéndice do final do abdome é unha transformación do oviscapto (que só posúen as raíñas) nun aguillón conectado a unha glándula produtora de veleno, que usan para se defenderen. Hai arredor de 16.000 especies descritas, pero posibelmente o número total de especies estea en 30 000. O 80% das especies son solitarias e o resto son especies sociais que viven en comunidades: entre as máis avanzadas atópanse as abellas do mel.

Anatomía da abella[editar | editar a fonte]

Órganos dunha abella obreira
Schéma abeille-tag.svg
1 Lingua
2 Orificio do conduto excretor da glándula da mandíbula posterior
3 Mandíbula inferior
4 Mandíbula superior
5 Labio superior
6 Labio inferior
7 Glándula da mandíbula frontal (glándula mandibular)
8 Glándula da mandíbula posterior
9 Abertura da boca
10 Glándula da farinxe
11 Cerebro
12 Ocelos
13 Glándulas salivares
14 Músculos torácicos
15 Postfragma
16 Á anterior
17 Á posterior
18 Corazón
19 Estigmas
20 Saco aéreo
21 Intestino medio (estómago)
22 Válvulas cardíacas
23 Intestino delgado
24 Tubos de Malpighi
25 Glándulas rectais
26 Bolsa de excrementos
27 Ano
28 Funda do aguillón
29 Bolsa do veleno
30 Glándulas do veleno
30 Arcos da canle do aguillón
32 Pequena glándula
33 Vesícula seminal
34 Glándulas ceríferas
35 Ganglios abdominais
36 Tubo da válvula
37 Embude da válvula ou intestino intermedio
38 Copa (entrada do estómago)
39 Bolsa do mel (bocho)
40 Aorta
41 Tubo dixestivo
42 Cordón neuronal
43 Palpos labiais
44 Metatarso
a Coxa
b Trocánter
c Fémur
d Tibia
e Tarso con tarsómeros e unllas

A abella na cultura popular[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: a abella na cultura popular galega.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de abellas de Galicia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Danforth BN, Sipes S, Fang J, Brady SG (2006). "The history of early bee diversification based on five genes plus morphology". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 103 (41): 15118–23. doi:10.1073/pnas.0604033103. PMC 1586180. PMID 17015826. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Abella Modificar a ligazón no Wikidata
Galizionario
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Abella

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • O'Toole, Christopher, and Raw, Anthony. (1991). Bees of the World. New York: Facts on File.
  • Michener, Charles D. (2007). The Bees of the World. Baltimore: Johns Hopkins.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]