Martes
O martes, terza feira, ou terceira feira[1] é o segundo día da semana. O termo "martes" vén do latín Martis (dies) ou día de Marte, deus romano da guerra, e os termos "terza feira" e "terceira feira" proceden do latín tertia feria (ou feria tertia).
Índice
Nomes noutras linguas[editar | editar a fonte]
Lingua | Nome | Significado |
---|---|---|
Alemán | Dienstag | Día de Týr |
Búlgaro | Вторник/Vtornik | Segundo día |
Catalán | Dimarts | Día de Marte |
Checo | Úterý | Segundo día |
Chinés Tradicional | 星期二/Xīng Qī Èr | Dous da semana |
Español | Martes | Día de Marte |
Éuscaro | Astearte | Entre semana |
Francés | Mardi | Día de Marte |
Holandés | Dinsdag | Día de Týr |
Inglés | Tuesday | Día de Tiw |
Islandés | Þriðjudagur | Terceiro día |
Irlandés | De Máirt | Día de Marte |
Italiano | Martedì | Día de Marte |
Noruegués | Tirsdag | Día de Týr |
Quechua | Ati P'unchay | Día da enerxía |
Portugués | Terça-feira | Terceiro día |
Romanés | Marti | Día de Marte |
Ruso | Вторник/Vtornik | Segundo día |
Xaponés | 火曜日/Kayoubi | Día do lume |
O martes na cultura popular[editar | editar a fonte]
O martes é considerado un día nefasto. Crese que os días que levan ‘r’ (martes, mércores e venres) son de mal agoiro e aconséllase non facer negocios neses días. En Lalín din que o que nace en martes morre de mala morte.
Ninguén casa en día de ‘r’, e moito menos o martes
Non se poden poñe-las patacas en martes e con lúa de forza, porque se non agrelan. Para escorrenta-las meigas pode utilizarse esta expresión: ¡San Silvestre, que hoxe é martes! para que se perdan ó cambia-lo día da semana.
Refraneiro[editar | editar a fonte]
- En martes, nin a cama mudes nin a roupa laves.
- En martes, nin pano cortes nin filla cases.
- En martes, nin porco mates nin churra botes que pitos saque.
- En martes, nin porco mates, nin galiña deites que pitos saque.
- En martes nin te cases nin te embarques.
- En martes, nin te cases nin te embarques, nin a túa porca mates, nin a túa pita botes, nin a túa tea urdas.
- En martes, nin tea tezas nin roupa laves.
- En martes non te cases nin te embarques nin o teu porquiño mates.
- En martes non te cases nin te embarques, nin o teu cocho mates, nin o teu pan cozas, nin a túa tea urdas, nin a túa filla cases, nin dos da túa casa te apartes.
- Martes de entroido, ¡cando has de vir! Casquiñas de ovos, ¡case habés de ruxir!
- Martes, durme hastra que te afartes.
- Mata en martes e a lúa non cates.
- O entroido, coas súas malas artes, botou a san Matías fóra do martes.
- O luns e o martes lava a curiosa; o mércores e o xoves, a envexosa; e o sábado, a preguizosa.
- O martes e o venres nin te cases nin te embarques.
E en Portugal: As terças e sextas-feiras não casses a filha nem urdas a teia. Terça e sexta-feira son martes e venres.
Cantigueiro[editar | editar a fonte]
- Adios, martes d'Antroido,/ adios, meu amiguiño,/ hasta domingo de Pascua/ xa non como máis touciño.
- Cásate, Xan, en domingo,/ estarás o luns de boda,/ o martes traballarás,/ e acabouse a festa toda.
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Outros artigos[editar | editar a fonte]
|