Beirut
Coordenadas: 33°53′13″N 35°30′47″L / 33.88694, -35.51306
Beirut بيروت (en árabe) |
|
---|---|
![]() |
![]() |
![]() |
|
Imaxes da cidade | |
Situación xeográfica | |
País | ![]() |
Gobernato | Cidade capital |
Xeografía | |
Altitude | 0 msnm |
Superficie | 85 km² |
Poboación | |
Poboación | 361.366 hab. (2012) |
Densidade | 1.900 hab/km² |
Xentilicio | Beirutí[1] |
Información | |
Código postal | |
Alcalde | Bilal Hamad |
Páxina web | Cidade de Beirut |
Beirut (en árabe بيروت Bayrūt) é a capital, cidade principal e maior porto do Líbano. Algunhas veces é chamada por seu nome en francés, Beyrouth. A cidade ten unha poboación de 1,8 millón de persoas na propia cidade e 2,1 millóns de persoas na súa rexión metropolitana. O seu nome é de orixe fenícia, Bêrūt, que significa "os pozos".
É o principal centro de comercio da rexión e algunhas veces foi chamada de a París do Leste, por súa atmosfera cosmopolita, anterior à guerra civil libanesa. Beirut pasou pola maior reconstrución dos anos recentes e irá hospedar os Xogos Francófonos (Jeux de la Francophonie) en 2009.
Índice
Historia[editar | editar a fonte]
A historia de Beirut deu comezo nunha rexión, a antiga Canaán, onde estaba a ter lugar un dos primeiros procesos de urbanización da historia no marco da sedentarización progresiva do neolítico. Así a pequena península na costa oriental do Mediterráneo, con abundante pesca e auga fresca no río Beirut que descende dos Montes do Líbano, semella ter sido habitada dende mesmo o paleolítico (nas illas do que entón era o delta do río).
O tell cananeo e fenicio[editar | editar a fonte]
Os últimos achados arqueolóxicos (grazas ao vasto plan de reconstrución en marcha trala guerra civil) permiten asegurar tamén a existencia dun asentamento estable dende polo menos o 1900 aC, dentro xa da órbita dos pobos cananeos que tiñan emigrado a área ó comezo do terceiro milenio antes da nosa era. En concreto trátase dun tell, un outeiro fortificado, que tiña unha entrada de perpiaños almofadados e situábase no nordeste do centro histórico preto do porto (ao norte da Praza dos Mártires [2][3]). O nome Be'erot ("pozos") ten ascendencia cananea, e xa no século XIV aC, nas exipcias cartas de Amarna aparece citado coma Biruta. Os fenicios (dende o 1200 aC) reutilizaron e ampliaron o asentamento cananeo construído unha nova muralla de pedra con escarpado glacis en uso ata o século VIII aC, canais e o primitivo porto a carón polo noroeste.
No século VII-VI aC comezou a expansión fora do tell cara ao sur e oeste, arrodeando a enseada do porto (a liña costeira daquela estaba máis atrasada) e unha nova muralla de perpiaños de calcaria foi construída [4]. E aínda outra nova muralla, máis grande e de mampostería, foi erixida no tempo da ocupación persa (550-333 aC).
Helenística e romana: Berytus[editar | editar a fonte]
Trala conquista de Alexandre Magno, loitas entre sátrapas seléucidas polo poder rexional levaron á destrución da cidade en 140 aC. A reconstrución posterior fíxose superpoñendo un novo plan regular helenístico (renomeada Laodicea en Fenicia ou en Canaán [5]). Os romanos a conquistaron no 64 aC, axeitando dito plan máis ao sur e segundo as directrices habituais do seu urbanismo, fundamentalmente a direccionalidade, cun cardo (N-S dende o porto) e un decumano máximos (E-O), asemade un novo centro (o Foro) na zona da actual praza Nejmeh (Estrela) [6].
A Colonia Iulia Augusta Felix Berytus floreceu coma centro do imperio na zona. Con rúas porticadas, baños públicos e un hipódromo (posiblemente no leste, Praza dos Mártires), a súa escola de dereito foi famosa na antigüidade acadando o seu cénit na etapa bizantina (xa unha vila cristiá). No ano 551 un devastador terremoto arrasou a cidade (30.000 mortos) e puxo fin a toda unha época de Beirut.
Beirut medieval: o dominio dos cruzados[editar | editar a fonte]
A reconstrución da vila non comezou ata despois da conquista árabe (635), cos omeias. A estrutura básica do medievo semella ter recollido aínda que difusamente a herdanza do pasado urbano. A Beirut intramuros (Bayrut al-Qadimah) é un rectángulo ao sur da enseada do porto cun promontorio protector no leste (a carón do cal, internándose na terra estaba o tell primitivo) [7]. Seica a muralla meridional seguiu o trazado do decumanus máximus.
Durante a época omeia, restauradas as murallas e fortificacións, tivo importancia o seu porto coma base naval do califato de Damasco. Xusto ese antigo porto puido seres ampliado ao oeste, entre a illa existente na metade da enseada e un dique de abrigo (mole) construído nos arrecifes, na época do dominio dos cruzados (séculos XII e XIII, cunha nova prosperidade no comercio de especias con Europa) [8]. Nos puntos estratéxicos, illa e promontorio do leste, erixíronse fortes cun castelo no último (a Cidadela de Beirut) [9]. Tamén de ascendencia cruzada (coma pazo fortificado templario) semella seres o denominado Pazo de Fakhr al-Din posterior, no borde leste da vila (posible pazo da familia Ibelín, señores dun Beirut practicamente independente no século XIII; Xoán de Ibelín reconstruíu a cidade co pazo tralas destrucións de Saladino). Asemade os cristiáns levantaron conventos e igrexas, sinaladamente a románica catedral de San Xoán no centro da cidade.
Declive baixo o poder otomán[editar | editar a fonte]
A catedral foi reconvertida na mesquita principal da vila (al Omari) cando os mamelucos desaloxaron definitivamente ós cruzados en 1291 [10]. Numerosas mesquitas máis foron construídas, e se ben o comercio de especias sostivo a súa economía, a cidade comezou un lento declinar acentuado na época do poder otomán (dende 1516) precisamente pola perda daquel monopolio. Controlada por emires drusos, un deles, Fakhr al-Din II (comezos do século XVII), chegou a conseguir certa autonomía fortificando e enriquecendo a vila (o seu pazo sobor do cruzado arriba citado). A comezos do século XIX, tras seres mesmo bombardeada polos rusos, Beirut era unha pequena vila de 10.000 habitantes [11].
Renacemento urbano[editar | editar a fonte]
A caída de Acre (1832) en poder exipcio significou o renacemento económico e comercial da cidade (baseado sobor de todo no tráfico da seda a occidente). O porto converteuse en primordial e foi ampliado (1894, con recheos que implicaron a desaparición do Castelo e illa) e asemade trazados ferrocarrís con Damasco e Alepo (1895, cunha estación exterior á cidade ao leste [12]). A cidade pronto traspasou as murallas medievais (que foron tamén derrubadas na súa meirande parte), o barrio dos Zocos (Souks) ocupou a antiga área fenicia e helenística, e o exánime poder otomán aínda tentou reflexarse coa construción de grandes conxuntos militares (Gran Serrallo en 1853 no outeiro ao sueste de murallas) e novas mesquitas [13]. Para comezos do século XX Beirut era xa unha cidade cosmopolita con máis de 120.000h [14].
Mandato francés[editar | editar a fonte]
Tralo colapso do Imperio Otomán na Primeira Guerra Mundial, Beirut pasou a formar parte do Mandato Francés. Baixo a tutela francesa a cidade histórica vai seres intervida dunha maneira radical coa creación dun novo centro urbano no que era a vella trama islámica. Con planta radial dende o foco da Place de l'Etoile, o plan de 1931 de obxectivos hixienistas, pretendía dotar á vila dun centro moderno e mantense ata hoxe coma corazón da urbe cos principais edificios representativos [15][16]. O porto seguiu coa súa ampliación cara ó leste e con él o pulo á industrialización [17][18].
Capital do Líbano[editar | editar a fonte]
Dende 1943 Beirut é a capital dun Líbano independente. Coma privilexiada porta do Oriente tense desenvolvido con rapidez e mesmo ostentación. O seu porto, garante da súa riqueza seguiu o seu uso, e o proceso de metropolización foi inevitable [19][20].
Toda esa prosperidade tivo o seu fin co rexurdir dos vellos conflitos relixiosos (entre musulmáns, cristiáns e drusos) e o estalido en 1975 da Guerra Civil Libanesa e a división mesmo da cidade en dúas partes (oriental cristiá; occidental musulmá) cunha chamada "Liña Verde" [21]. As destrucións foron cuantiosas especialmente no centro histórico, o que polo menos ten permitido dende o fin do conflito en 1990 o estudo arqueolóxico das orixes da vila.
Pero facendo honra a súa historia, Beirut volta a renacer unha vez máis das ruínas e un gran e polémico plan (Plan Solidere [22][23]) de reconstrución do centro da urbe e a súa beiramar está a seres levado a cabo.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Definición de beirutí - Dicionario da Real Academia Galega
- ↑ Topografía da península de Beirut coa posición da cidade histórica, dende o tell cananeo ata o século XIX [1]
- ↑ Mapa interactivo do Beirut histórico cos descubrimentos das sucesivas civilizacións [2]
- ↑ Planta esquemática (superposta á da cidade moderna) da vila fenicia estendida aos pes do tell, co porto polo medio; o sector do oeste é o posterior dos Zocos [3]
- ↑ Traza da cidade helenística sobor da zona dos Zocos (NO da Beirut histórica posterior [4]
- ↑ Planta hipotética do centro da Beirut romana (superposta á da cidade moderna coa Praza da Estrela); segundo os últimos achados seica o decumanus máximus situábase na rúa do sur e non na do norte do Forum. Ver tamén nota 14 (o cardo máximus á dereita) e nota 18 páx.2 [5]
- ↑ Planta de Beirut en época medieval (1841, mantívose no esencial dende o século VII ó XIX): ao norte o porto; arredor o primitivo asentamento fenicio, persa e helenístico (baleiro dos Zocos no oeste, tell cananeo-fenicio no leste xunto ao promontorio fortificado da costa); no sur a trama medieval superposta dentro do cadrado da Berytus romana - Michael F. Davie [6]
- ↑ Planta de Beirut medieval co detalle das intervencións na época dos cruzados; M.F. Davie (a carón do promontorio do Castelo cruzado, o Monte Chafort do mapa, despois cemiterio musulmán, debeu seres a zona do Tell orixinal; o título equivocado de decumanus (seica estaba no límite sur da cidade) [7]
- ↑ Vista do s.XIX dende o porto occidental de Beirut da illa fortificada en primeiro termo (á esquerda) e o Castelo do promontorio leste ao fondo; Davie [8]
- ↑ Páxina con información da época mameluca
- ↑ Planta de Beirut, 1841; Davie
- ↑ Planta esquemática de Beirut coa estación do ferrocarril e a liña nos recheos portuarios, 1895 [9]
- ↑ Mapa de Beirut, 1876 (IFPO): co plan de ampliación do porto e os novos recheos; a planta cuadrangular do Gran Serrallo visible ao oeste [10]
- ↑ Mapa de Beirut, 1912
- ↑ Planta da área da Praza da Estrela sobor da arqueoloxía (romana fundamentalmente; tamén Catedral de San Xoán dos Cruzados arriba) primitiva; Centro de Investigacións Arqueolóxicas de Torino [11]
- ↑ Vista aérea moderna da área da Praza da Estrela
- ↑ Mapa de Beirut de 1936; obsérvese o baleiro no centro histórico para a área da futura Praza da Estrela [12]
- ↑ Vista de paxaro de Beirut en 1936; obsérvese á dereita a Praza da Estrela adquirindo forma; IFPO [13]
- ↑ Páxina sobor do desenvolvemento metropolitano de Beirut, pdf (1Mb)
- ↑ Vista de paxaro da área metropolitana de Beirut
- ↑ A Liña Verde (Green Line) sobreposta á vista satélite de Beirut
- ↑ Plan Solidere
- ↑ Paseo virtual pola herdade histórica beirutí; Solidere
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Cidade de Beirut (en árabe)
|
|
|