Carmen Santos presenta o seu equipo candidato
O equipo de traballo para a conformación da candidatura Un Mar de Xente estivo arroupado por varios activistas da loita do cerco, así como de algúns dos mariñeiros e mariscadores máis destacados nas últimas mobilizacións contra a Lei de Acuicultura
Santiago de Compostela, 5-03-16.– Unhas 40 persoas reuníronse hoxe no bar La
Flor de Santiago de Compostela para apoiar a candidatura Un Mar de Xente, que estará encabezada pola politóloga e funcionaria do
CSIC Carmen Santos Queiruga. Foi unha xornada emotiva na que se expuxeron as motivacións e as liñas de traballo que se desenvolverán nos próximos días.
Santos, que foi a persoa máis votada nas anteriores Primarias de
Podemos Galicia, destacou que “con esta candidatura queremos recuperar o
ADN de Podemos e crear un proxecto gañador”. “Non debemos esquecer que o noso obxectivo e quitar ao PP da Xunta. É unha responsabilidade moi seria, e deben levala a cabo persoas adicadas a unha única tarefa e, sobre todo, que estean centradas en Galicia”.
A candidatura Un Mar de Xente está aberta a incorporacións e seguirá a fórmula dos terzos: un terzo equipo técnico, un terzo sociedade civil e un terzo xente dos círculos. “O equipo técnico somos un grupo de persoas que compartimos unha mesma visión de Podemos Galicia, xente profesional e da confianza de
Carmen. Consideramos que isto é fundamental para soster unha estrutura orgánica seria, sólida, eficiente e que camiñe acompasada con obxectivos a curto e longo prazo”, destacaron.
En canto á sociedade civil, Un Mar de Xente fixo un chamamento público á incorporación real de persoas relevantes e que veñen traballando na defensa do ben común nos seus respectivos sectores.
Como parte desta sociedade civil interveu
Ángel Gey, mariscador e membro activo de Plademar
Muros Noia, unha asociación moi activa na loita contra a Lei de Acuicultura e a reclamación dunha mellor xestión pesqueira, que anunciou o seu apoio ao proxecto. Tamén asistiron ao acto varias armadoras, armadores e pescadores do cerco, así como persoas do mundo da ciencia, a educación, o ensino e activistas na defensa do mundo rural e os sectores productivos.
Un Mar de Xente enviará na semana vindeira unha convocatoria a todos os
Círculos para ofrecerlles a incorporación democrática dos seus membros, mediante unha elección que lles competerá a eles en exclusiva. “Cremos nos círculos e traballaremos para potencialos e protexelos”, manifestaron.